Cousas

Certame artístico

Novidades

Entrega de premios do IºCertame Artístico Cousas

O pasado venres 21 de xuño, coincidindo co final do curso académico, celebrouse na Biblioteca do IES Félix Muriel de Rianxo a entrega de diplomas do Iº Certame Artístico Cousas. Até a vila rianxeira achegáronse familiares, amizades e profesorado do alumnado premiado.

O evento iniciouse ás 12:00 horas coa interpretación de Lela a cargo de Gloria Cespón e Zoe Collazo. Para seguir coas alocuciónns do director do centro, Ramón Veiga, e de dous dos membros do xurado, a profesora Ana Rivas e o profesor e escritor Ricardo Losada. Todas as intervencións coincidiron en felicitar o alumnado premiado pola calidade dos seus textos e das súas ilustracións; ademais de agradecer ao Grupo Ekos, formado por alumnado de 2º de Bacharelato e responsable da organización do certame, o labor e esforzo empeñados en que a xente nova do século XXI afronte unha revisión moderna da obra de Castelao.

A seguir, a mantedora do acto, Lorena Sobradelo, deu paso á intervención das persoas gañadoras que leron os seus textos mentres se proxectaba a ilustración que crearan para acompañalos. 

O acto rematou coa interpretación da Rianxeira por parte de todas as persoas presentes, que despois compartiron uns petiscos na Sala do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do instituto rianxeiro.

Alocución da profesora Ana Rivas na entrega de premios do Iº Certame Artístico Cousas

Bo día

En primeiro lugar, parabéns ós participantes, a todas as premiadas e premiados e ós seus profesores e profesoras.

Cos vosos escritos, comprobei o ben que fixo Pandora ó tapar a tempo, premer e pechar con convicción, a súa caixa: é ben certo que a Esperanza é o último que se perde e a miña estaba cambaleándose moito ultimamente, tocada polo pesimismo, provocado pola sensación da deriva sospeitosa da ensinanza nestes ámbitos. Mais quedei agradablemente sorprendida polo nivel e talento mostrado nos textos que lin. Por iso non me resultou doado elixir. Non vou repetir o que se valorou en cada caso, porque xa está posto na nosa páxina Web, mais quero deixar constancia dunha cuestión que sempre me intriga con respecto ao labor do escritor e que coido moi difícil de levar a cabo por parte do mesmo: o saber moverse e manexarse entre os límites da imitatio e da aemulatio, dous termos moi estudados en retórica clásica, pero que cadran ben aquí. A imitatio (de mímese, imitación dun grande, para acadar o máximo nivel de expresión literaria) e a aemulatio (admiración do imitado, ca tácita pretensión de melloralo ou completalo, non de superalo). Trátase de saber cabalgar sobre os ombreiros dos xigantes mirando ó horizonte.

As bases de todo concurso resultan certamente limitadoras: os participantes han de rexerse por unha serie de parámetros, fóra dos cales a súa obra non ten cabida na convocatoria concreta, e máis neste caso, de homenaxear a un grande da cultura galega, como é Castelao.

Se unha boa parte do progreso artístico baséase na secuencia destes dous principios, os textos seleccionados (non só os gañadores) traspasaron o limiar da imitatio (imitación artística da realidade, vista "cos anteollos" do autor rianxeiro, así como tamén os seus valores morais), chegando moi preto da aemulatio (onde se transloce a admiración), pola actualización e adaptación á nosa realidade dos contidos universais, que tanto lle preocuparon. E todo isto, cunha linguaxe elaborada, clara e directa, aparentemente sinxela, acompañada de ilustracións en consonancia co texto, feito difícil e tarefa non menor.

É así que estou satisfeita e contenta por ser testemuña destes logros que, como dixen ó principio, reconcílianme co futuro e traspasan o ámbito da miña esperanza e as miñas expectativas iniciais. Grazas, Helena, Mateo e Adriana , Zoe, Paula, Alicia e Olaia. Grazas ós profesores Román Landín, Henrique Estévez ( por partida cuádruple), e ás profesoras Helena López e Edith Pazó, por permitirnos pensar ó resto dos docentes: "Facémolo ben! Seguimos!"

FALLADOS OS PREMIOS DO I CERTAME ARTÍSTICO "COUSAS" DO IES FÉLIXMURIEL

O luns 13 de maio de 2024, ás 18:00h., reuniuse o xurado encargado de fallar os Premios do Iº Certame Artístico "Cousas", formado por Ana Rivas, docente do IES Félix Muriel; Ricardo Losada, escritor e docente do IES Félix Muriel; Xesús Piñeiro, xornalista de Nós Diario; e Esther Carrodeguas, actriz, directora e escritora. Despois da lectura dos 68 traballos presentados, resultaron finalistas 30. E, tras as súas deliberacións, o xurado acordou outorgar os seguintes premios: 

ACTA DO XURADO DO I CERTAME ARTÍSTICO COUSAS (13-05-24)

1º premio, de 300€ e diploma, para Helena Castaño Pazos, alumna de 15 anos, do IES nº 1 da Estrada, pola súa creación artística "Cunetas", do que o xurado apreciou a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, o xurado valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". O docente responsable da súa presentación foi Román Landín.

2º premio, de 200€ e diploma, para Mateo Nandín Raviña, alumno de 17 anos, do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística "Proposta 'post mortem`", do que o xurado apreciou a revisión moderna da obra de Castelao, mesmo no debuxo do "ollo de vidro". O xurado tamén valorou "que lograse ollar a realidade como a ollaría hoxe o autor rianxeiro". O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

3º premio, de 100€ e diploma, para Adriana Padín González, alumna de 18 anos, do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística "Bágoas salgadas", do que o xurado valorou a temática da emigración, tan particularmente tratada por Castelao; a estrutura marco dun texto que medra na ilustración e a calidade da súa lingua literaria para expresar a melancolía e a frustración pola perda. O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

Finalmente, o xurado considerou que en xeral os textos reflectían o uso dunha lingua de gran calidade e acordou conceder ademais dos tres premios os seguintes accésits:

Accésit 1, con diploma, para Zoe Fernández Piñeiro, alumna de 13 anos, do IES do Milladorio, pola súa creación artística "Cousas". A docente responsable da súa presentación foi Helena López Macía.

Accésit 2, con diploma, para Paula Porto Rodríguez, alumna de 18 anos, do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística "O meu mellor amigo". O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

Accéssit 3, con diploma, para Alicia Cores Padín, alumna de 15 anos, do IES Ramón Cabanillas de Cambados, pola súa creación artística "Somos paisaxe". A docente responsable da súa presentación foi Edith Pazó Fernández.

Accésit 4, con diploma, para Olaia Pérez Eiroa, alumna de 17 anos, do IES Politécnico de Vigo, pola súa creación artística "Este é o mundo que fixo Deus?". O docente responsable da súa presentación foi Henrique Salvador Estévez Hernández.

O acto de entrega de premios terá lugar o venres 21 de xuño ás 12:00h. no IES Félix Muriel.

PRESENTACIÓN CONCURSO LITERARIO COUSAS. IES FELIX MURIEL.  FEBREIRO 2024

Xosé Ricardo Losada

Cando Sofía me contou o proxecto deste premio literario dedicado a Castelao levei unha enorme alegría. Tanto pola brillante iniciativa de facelo sobre unha das ideas máis orixinais que tivo, Cousas, como, sobre todo, pola alegría que el mesmo levaría sabendo que os mozos e mozas da súa vila natal seguen recordándoo e seguen convencidos de que merece outra homenaxe máis. E digo outra homenaxe máis, non no sentido en que algúns adoitan dicir que tanto Castelao farta, senón no sentido en que tiven que escribir hai pouco nun libro persoal que Calquera agradecemento a Castelao sábeme a pouco. E deberíanos saber a pouco a todos os galegos e galegas. Castelao e Rosalía deberan ser dúas compañías inescusables, e algún día inconscientes, das nosas vidas.

Tamén por razóns persoais, no último ano volvín ler o Sempre en Galiza, o epistolario, toda a obra literaria, o Diario de 1921, e a voluminosa biografía escrita por Miguel Anxo Seixas. E pódovos dicir que cada páxina que lin volveu ser para min unha sorpresa, unha conmoción, unha revelación. Como non temos moito tempo e non quero estenderme, escollerei catro razóns para xustificar o que estou dicindo, lidas de menor a maior importancia:

Primeira. Castelao tivo un espírito renacentista en canto á dedicación, e á dedicación cun enorme talento, a diferentes modalidades artísticas e creativas. Mesmo inventou un xénero, o de Cousas, absolutamente xenial. En contra do que eu pensaba por prexuízos filosóficos da época á vosa idade, Castelao é un escritor dun enorme talento. Cun mérito que moi poucos narradores do mundo poden mostrar, pois é algo que en calquera obradoiro de escritura rexeitan. Escribiu cunha mensaxe política, no bo sentido da palabra, moi explícita.

Segunda. Castelao prestixiou o humor. E prestixiouno porque sabía que o humor descubre por onde coxean as cousas. E porque sabía que o humor é unha arma política e ideolóxica ineludible para unha alma verdadeiramente democrática. O humor que nace do pobo galego e que, necesariamente, debe volver ao pobo galego.

Terceira. Castelao tivo un espírito político humanista e universalista que, para que non se perdese nun idealismo de salón, soubo converter nun compromiso concreto e razoable e sólido cos seres humanos, no seu caso os galegos e as galegas, que o rodeaban, sobre todo, pero non só, cos perdedores da historia. E sempre, mesmo nas súas declaracións máis nacionalistas, sen perder de vista o proxecto humanista. Se quitan da miña obra e da miña vida o que ten de galego e de humano, fartouse de dicir, e de facer, non queda nada.

Cuarta. En canto á coherencia ética dos seus principios e da súa vida, Castelao é unha figura á altura de personaxes tan coñecidos a nivel mundial como Gandhi ou Nelson Mandela. Non creades que é unha esaxeración. Pode selo a nivel da repercusión que tiveron ou da transcendencia pública das súas loitas, pero non o é en canto ao enorme sacrificio persoal, mesmo en termos de saúde, que tivo que pagar para poder loitar por, non só unha, senón moitas causas xustas. Só direi unha cousa para xustificalo. É un dos poucos políticos do século XX que non renunciou aos seus principios éticos na súa acción política cotiá.

Si. Calquera agradecemento a Castelao sábeme a pouco. Menos o deste concurso que os mozos e mozas do Félix Muriel, e algunha discreta profesora, estades facendo hoxe público.

Cousas nace como un certame artístico para que a xente nova se lembre de Castelao

Castelao foi un creador que deixou a súa pegada persoal en moitos ámbitos; mais seguramente foi a narrativa o xénero no que a súa orixinalidade ficou máis explícita coa invención das "cousas". En 1924 comezou a publicar Cousas da vida nas portadas de Galicia e Faro de Vigo. Tratábase dunha serie de debuxos cun breve texto ao pé. Posteriormente, ese texto foi medrando até se converter nun microrrelato ou nun relato curto que unhas veces acentuaba os elementos dramáticos e outras veces o lirismo. O rianxeiro deu á prensa da época esas breves narracións híbridas que ilustrou cun debuxo e que, en 1926 e 1929 publicou no libro Cousas. As "cousas" permitíronlle a Castelao retratar as condicións socioeconómicas do pobo galego e denunciar a realidade dos máis marxinados, acompañándose do humorismo que oculta unha gran dor. A obra tal e como hoxe a coñecemos é unha reedición da recompilación das 44 cousas publicadas pola editorial Nós en 1934.

Máis información sobre Castelao e as súas Cousas

IES Félix Muriel
IES Félix Muriel
ENDLG do IES Félix Muriel
ENDLG do IES Félix Muriel
Biblioteca IES Félix Muriel
Biblioteca IES Félix Muriel

O IES Félix Muriel de Rianxo quere homenaxear a figura deste humanista entregado á causa galega e escolleu este orixinal xénero seu para crear un certame artístico, que necesariamente ha de ser literario mais tamén plástico, pois así son as "cousas".

O Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega e o Equipo da Biblioteca serán os encargados de dinamizar e difundir o certame, ademais de buscar persoas ou entidades dispostas a soster economicamente este premio.

O Departamento de Lingua Galega será o encargado de levar ás aulas o estímulo necesario para que o alumnado se sinta motivado a participar no certame, aplicando a educación literaria á propia vida e propiciando unha aprendizaxe significativa da literatura galega.

O grupo de traballo Ekos, formado por alumnas e alumnos de segundo de bacharaleto é o responsable das bases, deseño e presentación desta primeira convocatoria do certame. 

Para ler e ver a obra na páxina de Manuel Rivas: Cousas de Castelao

Para escoitar textos de Castelao lidos polo alumnado do IES Félix Muriel: Castelao na voz da xuventude rianxeira

Crie o seu site grátis! Este site foi criado com a Webnode. Crie o seu gratuitamente agora! Comece agora